Tuesday 19 de March de 2024

A XI Festa da Merenda de Aiazo (Frades) repartirá de balde un milleiro de tortillas de masa o domingo 20 de marzo


A asociación de veciños “Os Pasos” vén de pechar o programa da festa, que incluirá unha Foliada da Merenda e a actuación das orquestras París de Noia e Cinema

A Asociación de Veciños “Os Pasos”, da parroquia de Aiazo (Frades), vén de presentar o programa da undécima edición da Festa da Merenda de Aiazo, que terá lugar o domingo 20 de marzo. Unha edición na que “temos previsto facer algo máis dun milleiro de tortillas de masa”, “temos previsto facer algo máis dun milleiro de tortillas de masa”, explica Tamara Carreira, unha das organizadoras da festa.

Elaboradas cunha masa feita con ovos, auga e fariña, estas tortillas de masa foron moi recurrentes na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Precisamente, a Festa da Merenda naceu para lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutros tempos, nos que quitaron moita fame a pesar de que daquela se facían con máis auga que con ovos e fariña.

A X Festa da Merenda de Aiazo dará comezo ás 12:00 horas na área recreativa “Os Pasos” (GPS: 43º 0´58” N – 8º 16′ 54” W) coa degustación gratuíta das tortillas de masa con torriscos, elaboradas baixo unha carpa pechada durante toda a xornada grazas á colaboración dunha ducia de cociñeiras desta parroquia. De feito, cada cociñeira lle dá o seu toque persoal, tanto polo grosor da masa como por se as acompaña ou non por torriscos (láminas de touciño de porco). Ademais, e dado o éxito acadado nas dúas edicións previas, tamén haberá a posibilidade de comprar merendas para levar, que se entregarán en caixas de pizza: unha por 3 euros, dúas por 5 euros.

Ás 13:30 horas terá lugar a actuación da Charanga Mekánika, que dará paso ao xantar. Ademais das merendas gratuítas que se servirán baixo carpa, as familias poderán escoller entre traer a comida da casa (e utilizar as mesas e o entorno da área recreativa “Os Pasos” se o tempo o permite) ou optar por unha polbeira (de pago) que estará aberta todo o día e baixo carpa cuberta.

Foliada e orquestras

A partir das 16:00 horas terá lugar a gran Foliada da Merenda, organizada pola agrupación Sarillo de Aiazo en colaboración coa Asociación de Veciños “Os Pasos”. Contará coa participación dos grupos Reviravolta (Lardeiros), Agrocovo (Esteiro), Arnela (Carral), As Sobreiras do Ulla (Touro), Os do Pilón (Arzúa) e os locais Sarillo (Aiazo). Ás 19:00 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Cinema, que se estenderá ata ben entrada a madrugada.